Saturday 04 de May de 2024

O Pleno de Lousame insta ao Goberno e ao IDAE a pagar xa a súa parte nas obras de aforro enerxético rematadas en 2020


Os festivos locais de 2022 serán o San Marcos (25 de abril) e o San Roquiño (30 de setembro)

A unanimidade presidiu a sesión plenaria ordinaria de xullo no Concello de Lousame onde todas as propostas, salvo tres, saíron adiante co respaldo dos tres grupos municipais. Así, o Pleno aprobou por unanimidade instar ao Ministerio de Transición Ecolóxica e ao Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) o abono inmediato da súa achega no proxecto “Aforro enerxético nos alumeados públicos do Concello de Lousame. Fase 1”. Un proxecto orzamentado en 171.941 euros, dos que o IDAE financia 137.552 euros a través de fondos FEDER, e que tivo que ser pagado integramente polo Concello de Lousame en agosto de 2020.

“A día de hoxe somos os Concellos os que estamos subvencionando a achega do IDAE e iso non pode ser”, denunciou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, quen esixiu ao Ministerio e ao IDAE que “habiliten unha liña de crédito suficiente”. Neste sentido, Villaverde repasou todo o procedemento seguido neste proxecto, dende que en 2017 se solicitou a axuda do IDAE.

Cronoloxía

Así, a concesión da subvención de 137.552 euros foi concedida o 22 de marzo de 2019 e aceptada o 5 de abril do mesmo ano polo Concello de Lousame que o 18 de setembro iniciou o procedemento de contratación. Unhas obras que foron xustificadas o 17 de marzo de 2020, momento no que o Concello trasladou toda a documentación ao IDAE para o cobro da súa achega. Pese a non recibir resposta, o Concello de Lousame pagou o 20 de agosto de 2020 a última das facturas presentadas pola empresa adxudicataria das obras.

A problemática vén dada polo feito de que o IDAE non permite xustificar a subvención na súa plataforma web. “Despois de múltiples intentos, o 4 de setembro de 2020 respondéronos por e-mail dicindo que están revisando os contratos. Pero é que a outros concellos na nosa mesma situación estanlle dicindo que non teñen persoal. Ao final, somos os Concellos os que estamos sufrindo as consecuencias de ter as obras executadas e pagadas, pero non poder cobrar a subvención comprometida”, explica Villaverde Pais.

Unha situación que fai que o Concello de Lousame acordara non adxudicar aínda a Fase 2 do proxecto “Aforro enerxético nos alumeados públicos do Concello de Lousame” por razóns de interese público. “Comprobada a lentitude coa que van as cousas, o Concello de Lousame reconsidera a Fase 2 porque, aínda que estamos interesados en facer ese tipo de obras, un novo incumprimento por parte do IDAE poderíanos levar a incumprir todos os parámetros orzamentarios”.

Festivos e PXOM

O Pleno tamén aprobou por unanimidade os festivos locais para 2022: o San Marcos (25 de abril) e o venres de San Roquiño (30 de setembro), toda vez que o San Xoán será festivo autonómico. Así mesmo, acordou aprobar provisionalmente a modificación puntual número 1 do PXOM do Concello de Lousame e elevar o expediente á Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva, despois de realizar un cambio do formato do documento, que non do contido, a petición da propia Xunta e realizar unha pequena corrección indicada pola Deputación da Coruña, realizada despois de ter emitido o seu informe favorable.

Así mesmo, aprobouse unha transferencia de crédito de 69.000 euros entre aplicacións de diferentes áreas de gasto para aumentar a partida para acondicionar a pista polideportiva de Vilacoba, sufragar a contratación externa dun socorrista (toda vez que o procedemento habitual de selección quedou deserto) e para aboar facturas do 2020 presentadas neste exercicio.

Mocións

Na quenda de mocións, os tres grupos municipais (PP, PSOE e BNG) acordaron presentar conxuntamente tres mocións, que foron aprobadas por unanimidade. A primeira delas demanda a eliminación das modificacións do regulamento de control europeo 1224/2009 con respecto á flota artesanal, ao tempo que solicitan un tratamento diferenciado fronte á flota industrial. Tamén se acordou unha moción que insta ao Ministerio de Transformación Dixital a despregar banda ancha e cobertura de móbil en todo o municipio de Lousame, especialmente nas denominadas “zonas brancas”.

Finalmente, acordouse tamén instar ao Goberno de España a cambiar o criterio de adxudicación dos fondos Next-Generation para que permitan facer investimentos en municipios de menos de 50.000 habitantes. “Co actual criterio de reparto, o 87,8% dos concellos quedamos fora do reparto deses fondos. Non é correcto”, apuntou Teresa Villaverde.

Tamén saíron adiante, pero desta vez cos apoios de PP e BNG e a abstención do PSOE, outras dúas mocións presentadas polo grupo de Goberno. A primeira instaba ao Goberno de España a rebaixar o tipo de gravame do imposto ao valor da produción da enerxía eléctrica do 7% ao 9%, trasladar aos Orzamentos do Estado os costes da débeda do sistema eléctrico e simplificar o recibo da luz. A voceira municipal socialista, Beatriz González, xustificou a súa abstención en que “a luz está demasiado cara pero se van tomando medidas”; mentres que o voceiro do BNG, Anxo Moledo, indicou que a moción “incluso se queda corta, pois queríamos tamén cambiar a lei do sistema eléctrico”.

Finalmente, aprobouse tamén unha moción contra a peaxe nas autoestradas estatais, de apoio ás rebaixas na AP-9 e solicitude de modificación da peaxe da AP-53 Santiago-Alto de Santo Domingo. O PSOE xustificou a súa abstención nas recentes rebaixas anunciadas para a AP-9.